domingo, 22 de abril de 2012

DÍA DO LIBRO


Mañá, 23 de abril, celébrase o DIA INTERNACIONAL DO LIBRO. Esta conmemoración instaurouse en tal data por coincidir coa data do falecemento de tres grandes figuras da literatura mundial: William Shakespeare, Miguel de Cervantes e Inca Garcilaso de la Vega. Os tres morreron o 23 de abril do ano 1616.

O obxectivo deste día é fomentar a lectura, a industria editorial e a protección da propiedade intelectual. Desde o ano 2001, a UNESCO nomea unha Capital Mundial do Libro cada ano. A primeira foi Madrid, e neste ano 2012 é Ereván (captial de Armenia).

Nós xa estivemos traballando sobre esto a semana pasada e estamos a facer uns marcapáxinas que poderedes ver a partir de mañá, que será cando os rematemos.

Se queredes traballar algo sobre o Día do Libro, podedes visitar AULATIC, da profe Ana de Ferrol. Nel atoparedes un montón de recursos para traballar e xogar.

Tamén podedes visionar este fantástico video que descubrimos grazas á profe Chus.

O PRIMEIRO LIBRO LIM

Durante este curso as mestras de Ed. Infantil xunto con algunha compañeira de Ed. Primaria, estamos participando nun grupo de traballo sobre EdiLim e creación de blogues de aula.

Está resultando moi interesante, sobre todo a parte de EdiLim que tanto me chamaba a atención. Por fin agora comezo a dominar esta ferramenta tan útil no desenrolo da nosa actividade docente.

Quizais este primeiro libro non vos serva de moito para poder traballar con el nas vosas aulas, xa que é como un pequeno resumo do proxecto sobre Álvaro Cunqueiro que fixeron os Merliños. De tódolos xeitos, aquí o deixo coa premisa de que este sexa o primeiro de moitos.

Desculpade os erros que tén(que son moitos), agardo que vos guste.



SEGUIMOS CO NOSO PROXECTO

Á volta das vacacións de Semana Santa retomamos o proxecto sobre os números que comezáramos antes das mesmas.

Nestas dúas semanas descubrimos que en cousas moi próximas a nós hai un montón de números. Por exemplo vimos os números que hai nas nosas datas de nacemento e o que queren dicir cada un deles. Grazas a elas tamén descubrimos os números do calendario, os meses do ano e incluso ata nos ordeamos de maior a menor. Por certo, descubrimos tamén que todos nacimos no mesmo ano!!!

Despois desto fixemos algo moi divertido para nós: medímonos, pesámonos e miramos as nosas tallas, tanto de zapato coma de roupa. Era incrible, tamén nesas cousas hai números.

Aquí vos deixamos unhas fotos de como nos medimos e de como todos os nosos datos os fomos recollendo nunhas táboas que fixeron as nosas profes para que poidamos miralos e comparalos entre todos.




Agora toca seguir descubrindo este apaixoado mundo dos números así que estade atentos...