martes, 15 de septiembre de 2015

NOVO CURSO

E como cada setembro aquí estamos outra coas pilas recargadas e coa mesma ilusión por ensinar e aprender.

Iniciamos un novo curso co mesmo propósito de sempre: manter este blogue o máis actualizado posible! É certo que resulta complicado pero seguirei intentándoo como o fixen ata o de agora.

E para lograr dito propósito nada mellor que comezar resumindo un pouco o final do curso pasado xa que quedaron moitas cousas sen contar.

A primeira delas foi que celebramos todos xuntos os aniversarios dos nenos/as que cumpren anos durante o verán. ELENA, BRUNO E HELENA (con H como dín eles) sopraron a vela do 5 cuns días de adianto.


Tamén o último día de curso fixemos un gran festival xunto con todos os nenos/as do colexio. Cada grupo ensaiou unha actuación e pasámolo moi ben. Nós tamén lles cantamos e bailamos unha canción titulada Fun ao mercado, de María Fumaça. 


E por último, con moita pena tuvemos que despedirnos do noso amigo RODRIGO que marchou para Cedeira cos seus papás e co seu irmán Dani. Botámolo moito de menos e acordámonos moito del. Desde aquí queremos desexarlle moita sorte no seu novo cole e cos seus novos amigos. 
ATA SEMPRE RODRI!!!


E agora toca poñerse a traballar que xa somos os maiores de Infantil!!! En nada xa subimos as escaleiras...

BO COMEZO DE CURSO!!!

viernes, 29 de mayo de 2015

PARABÉNS LEIRE

O mércores 27 de maio, LEIRE FOLGUEIRA cumpleu 5 anos e por eso trouxo á aula una torta caseira e riquísima.

Os demais en agradecemento cantámoslle o Cumpreanos Feliz.

FELICIDADES LEIRE!!!


LETRAS GALEGAS 2015


O pasado 15 de maio celebramos no colexio o Día das Letras Galegas que este ano estivo adicado a Xosé Fernando Filgueira Valverde  e do cal ao longo da semana fomos aprendendo un montón de cousas.


Pola mañá, como xa vén sendo habitual e coa colaboración da Delegación de Deportes do Concello de Mondoñedo da man de Raúl, tivemos as Carreiras Das Letras Galegas.

Xa pola tarde fixemos entrega dos trofeos e diplomas aos gañadores das carreiras e finalizamos o acto escoitando o himno galego.

Aquí vos deixamos as fotos dos gañadores da carreira da nosa clase.




domingo, 26 de abril de 2015

EXCURSIÓN Á GRANXA ESCOLA "RÍA DEL EO"

Por fin chegou o 20 de abril!!! E chegado o día marchamos de excursión. Todo iamos contentos e algo nerviosos por desfrutar do día e por ver o que nos agardaba na granxa.

Despois dunha pequena viaxe en bus, chegamos a Piñera (Castropol) que é onde se ubica a granxa escola. Para coller forzas comimos uns pasteliños que nos mandaron as cociñeiras e Rafa. Estaban boísimos!!!

A partir de aquí comezou a xornada. Dividíronnos en pequenos grupos e cada grupo escolleu o seu nome: Os Cabalos, os pitiños piratas, os mellores... Deste xeito, os diferentes grupos foron pasando polas diferentes actividades.

Amasamos pan, montamos a cabalo plantamos leitugas, visitamos os animais, elaboramos uns pitiños e participamos en diferentes xogos. Todo esto acompañao polos monitores e monitoras da granxa.

Foi un día intenso, divertido e tamén algo canso por eso na viaxe de volta a Mondoñedo fomos moitos os que nos quedamos durmidos.


DOBLE ANIVERSARIO

O pasado mércores 22 de abril, tivemos un cumpleanos por partida doble xa que fai xa 5 aniños que naceron o mesmo día IVO e LEIRE GINZO.

Como sempre fixemos coroas, soplamos as velas, cantamos o "Cumpleaños Feliz" e desfrutamos todos xuntos dun rico biscoito.


E por riba tivemos unha sorpresa xa que Ivo trouxo para a clase un conto novo relacionado cos Piratas que é o proxecto que estamos a traballar. MOITAS GRAZAS IVO!

PARABÉNS AOS DOUS!!!

martes, 14 de abril de 2015

IMOS DE EXCURSIÓN

O vindeiro luns 20 de abril, os nenos e nenas de Educación Infantil e 1º Ciclo de Educación Primaria, imos ir de excursión. 

Este curso vamos ir visitar a veciña Asturias, concretamente Castropol. Alí desfrutaremos dunha intensa xornada na granxa escola "Ría del Eo". Para que os papás poidades facervos unha idea do que imos a facer ese día deixámosvos aquí o enlace á páxina web da granxa. 


Pinchade no logo da granxa e entraredes na súa web.



QUE NERVIOSOS ESTAMOS XA!!!!

FELIZ ANIVERSARIO LUIS!!!

Aínda que cun pouco de retraso, aquí vos deixamos a foto do cumpreanos de LUIS que, aínda que foi en plenas vacacións de Semana Santa, quixo celebralo igual con todos nós á volta das mesmas.

PARABÉNS LUIS!!!


lunes, 23 de marzo de 2015

FELICIDADES JAVI!!!

Outro Merliño que se nos fai maior e que cumpre 5 anos. Hoxe tocoulle a JAVIER, que decorou con moito entusiasmo a súa coroa e comparteu cos seus compañeiros un rico biscoito cheo de figuriñas de chocolate.
 
PARABÉNS JAVI!!!
 

viernes, 20 de marzo de 2015

DÍAS DA ÁRBORE E DA AUGA

Para conmemorar os Días da Árbore e da Auga, a Deputación Provincial de Lugo reparteu nos centro da provincias Acivros para que o día 19 de marzo fosen plantados todos e á mesma hora, ás 12:00 h.
 
Nós, no noso cole, tamén plantamos o noso Acivro ao cal lle puxemos o nome de "RAMITAS", nome que saeu da clase de 6º de Ed. Infantil.  Despois de plántalo regámolo por primeira vez.


FELICIDADES LAURA!!!

LAURA xa ten 5 anos. Cumpríaos o día 20 de marzo pero como ese día non tiñamos cole, celebrámolo o día antes.
 
Comimos un biscoito riquísimo, que traía unha decoración moi chula: Peppa Pig!!! Pasámolo todos moi ben e sobre todo Laura que luceu a súa coroa con moito orgullo.
 
PARABÉNS LAURA!!!
 
 

viernes, 13 de marzo de 2015

FELICIDADES MATEO!!!

Aínda que en realidade o seu aniversario é mañá, MATEO quixo celebralo hoxe cos seus compañeiros e por eso trouxo un rico biscoito moi decorado cunha morea de lambetadas.
 
Estaba todo boísimo!!!!


AUGUSTA E OS SEUS MEDOS

O pasado luns a primeiro hora da mañá tivemos una sesión de contacontos, por xentileza da Editorial Xerais.
 
Iago López foi o encargado de contarnos o conto titulado "Augusta e os seus medos" que trataba dunha nena que tiña moitísimos medos: a voar, aos avión, aos outros nenos e nenas... Un día, cansa de ter tanto medo, pediulles  axuda a seus país e a partir de aí terá que pasar una serie de probas para darse conta de que a única forma de superar os medos é enfrontándose a eles.
 
Pasámolo moi ben!!!
 

 

martes, 24 de febrero de 2015

ENTROIDO 2015

Despois dunhas semanas moi atarefados preparando todo para o Entroido, por fin vos deixamos unas fotos para que vexades que ben o pasamos durante eses días.
 
Tuvemos de todo: ordes do meco Don Horacio, festa de disfraces, queima do Entroido...
 
E por suposto, ollade ben o noso disfraz de PIRATA, non nos faltaba detalle! Ata levabamos un LORO!!!

lunes, 2 de febrero de 2015

FELICIDADES NAGORE

Outra merliña que cumple 5 anos!!! Hoxe tocoulle a NAGORE que trouxo una tarta riquísima de Frozen.
 
MOITOS PARABÉNS NAGORE!!!

 

viernes, 30 de enero de 2015

DIA ESCOLAR DA PAZ E DA NON VIOLENCIA

Hoxe no cole celebramos o DIA ESCOLAR DA PAZ E DA NON VIOLENCIA xa que hoxe é o 30 de xaneiro, e sempre nesta data se celebra desde hai xa varios anos. Celébrase o 30 de xaneiro coincidindo co aniversario do falecemento de Mahatma Gandhi unha das persoas máis importantes na loita pola paz no mundo.

Para conmemorar o día os nenos e nenas de infantil decoramos o noso corredor cuns banderíns moi chulos que atoparon as nosas profes no blogue Menta más chocolate.






Tamén fixemos uns colgantes moi bonitos do símbolo da paz.
 

 
 E finalmente participamos no mural que fixemos todos os nenos do colexio, incluidos os profes. O mural ten por título "AS CORES DA PAZ" e nel fomos estampando mans das cores do Arco da Vella. Para finalizar a celebración, cantamos todos xuntos a canción de José Luis Perales, Que canten los niños.
 
 
 
 
 
 
 

jueves, 29 de enero de 2015

FELICIDADES LUCAS!!!

Os merliños comezan a facerse maiores, xa empezan a cumprir 5 anos... O primeiro en facelo foi LUCAS, que hoxe cumpreu 5 anos.
 
MOITOS PARABÉNS LUCAS!!!
 
 

domingo, 25 de enero de 2015

NOVO PROXECTO

O xoves cando chegamos do comedor atopamos na nosa clase un cofre... A partir de aquí comezamos debatir sobre quen deixaría alí aquel cofre: Sería Bule-Bule? Sería Rafa? Serían os nenos de 3 ou de 5 anos? De repente, alguén dixo:
  • Seguro que foi un pirata
  • Un pirata en Mondoñedo??? Aquí non ai mar, como iba chegar aquí?
  • Non hai mar pero hai río e igual se perdeu
Despois de tanto divagar decidimos abrir o cofre e ver o que contiña dentro. Cal foi a nosa sorpresa cando descubrimos que dentre había un "catalexo", un parche, un garfo, unha pañoleta pirata, un pendiente e unha carta do PIRATA ROMPEÓSOS que nos animaba a aprender cousas sobre os piratas. E nós que somos moi curiosos, aló imos! Comezmos novo proxecto: OS PIRATAS.

domingo, 11 de enero de 2015

SOPRESA!!!

Menuda sorpresa nos levamos á volta das vacacións de Nadal. O xoves día 8 cando estabamos na asamblea chegou Rafa, o conserxe do noso colexio, cun paquete xigante:


Os Reis Magos deixaran o paquete en conserxería. No paquete poñía: Para os nenos e nenas de 4 anos do CEIP Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo. Firmado: Os Reis Magos de Oriente.

Que ilusión nos fixo!!! Laura que era a encargada ese día escolleu a Ivo para axudarlle a abrir o paquete e entre os dous descubriron o que era: UN TALLER!!! A verdade é que nos facía moita falta xa que o que tiñamos estaba todo roto. Agora si que o imos pasar ben no recanto do xogo simbólico!